Friday 17 de May de 2024

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 galicia participa na fase piloto do proxecto europeo ‘eCall’


A importancia do sistema “eCall” radica en que poderá acortar a resposta dos servizos de emerxencias tras un accidente de tráfico

A Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, participa, xunto coas Comunidades autónomas de Madrid, Valencia e Castela-León, na fase piloto do proxecto europeo HeEro 112, máis coñecido como “eCall”, co que se tratará de acortar o máximo posible a resposta dos servizos de emerxencias tras un accidente de tráfico.

A importancia do sistema “eCall” radica no aumento das posibilidades de salvar vidas ou incluso reducir as consecuencias das lesións producidas por un accidente de tráfico ou mesmo calquera outra urxencia que ocorra no interior dun vehículo. Este sistema consiste na implantación progresiva en automóbiles dun dispositivo que emitirá, de forma automática, unha chamada de emerxencia en canto sufra un impacto. O sinal irá acompañado dos datos relacionados coa xeolocalización e identificación do vehículo.

Durante os últimos seis meses, o 112 Galicia realizou un total de 250 probas para comprobar o correcto funcionamento de toda a cadea de comunicación, isto é, dende que se activa a chamada automática no vehículo ata que se recibe no 112 Galicia. A participación do CAE 112 Galicia no proxecto piloto motivou a creación, na Sala de Operacións de San Marcos, dun posto destinado, exclusivamente, a recibir as chamadas e datos procedentes do sistema “eCall”. Este posto dispón da última versión da aplicación Séneca, propiedade de Telefónica Soluciones, adaptada, neste caso, ás necesidades tecnolóxicas do sistema.

O CAE 112 Galicia forma parte, xunto con Madrid, Valencia e Castilla-León, do proxecto piloto Español, por iso, estivo representado nas xornadas europeas que sobre o “eCall” se levaron a cabo onte na capital do Estado. O evento facilitou, ademais, o encontro e intercambio de impresións con representantes dos proxectos piloto de Luxemburgo, Bulgaria, Bélxica, Dinamarca e Turquía.

O funcionamento do sistema “eCall” pódese observar na seguinte imaxe propiedade da Dirección Xeral de Tráfico.